A Deputación ofrece aos Concellos un adianto do 80% do Plan Único

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade o Plan Único que presentou o Goberno á sesión extraordinaria, que tivo lugar esta mañá, para investir 23,1 millóns nos 67 Concellos co obxectivo de reactivar a economía e impulsar as prestacións públicas, os servizos sociais e o emprego na provincia.

Hoxe tamén se acordou, co apoio de toda a Corporación Provincial, a modificación orzamentaria para a incorporación de 10 millóns de euros de remanentes a esta programación. E é que o Plan Único financiase con 20 millóns do organismo provincial (10 do orzamento 2017 e outros 10 de remanentes) e con 3,1 que decidiron achegar os municipios.

Aprobado o plan, o Goberno da Deputación ofrece aos 67 Concellos un anticipo do 80% dos fondos que lle corresponden, e que poden solicitar a partir de hoxe mesmo á institución, para que o Executivo Provincial poida inxectar nas arcas municipais un total de 16 millóns de euros a partires do mes de xullo, que é cando finalizan os prazos legais de exposición ao público deste proxecto. Foi o propio Presidente, Darío Campos Conde, o que quixo incorporar nas bases do Plan Único este adianto, seguindo a liña de cooperación cos Concellos que defende.

Para reactivar a economía da provincia e mellorar as prestacións públicas no rural, o Presidente fixou nas bases do Plan Único que, como mínimo, o 50% dos 20 millóns fosen para novos investimentos nos 67 municipios. Ademais, limitou os gastos correntes á contratación de desempregados lucenses e profesionais do ámbito social para reforzar o emprego e os servizos sociais na provincia.

Namentres, o Grupo Provincial do PP considera un feito histórico a aprobación deste Plan Único de Cooperación cos Concellos. A voceira do PP, Elena Candia, asegura que calquera cidadán sabe qué foi o que cambiou para que o plan poida ser unha realidade. “E o que cambiou é que estamos ante un Goberno en minoría que se viu obrigado a escoitar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com