A Concellería de Economía que dirixe Sonia Méndez, informa de que o Mercado de Quiroga Ballesteros incorporará en breve novas melloras que o Concello decidiu levar a cabo con motivo da importante modernización experimentada por estas instalacións municipais grazas ao proxecto de reforma que desenvolveu o Plan Urban.
Estas dúas melloras consisten na creación dun cuarto para os colectores do lixo e dunha oficina para o uso dos comerciantes do Mercado municipal.
O cuarto de colectores habilitouse no espazo que anteriormente ocupaba Evislusa e quedará a punto unha vez que rematen as obras que se realizan esta semana para a conexión do local coa rede de saneamento, de xeito que se facilite a limpeza dese cuarto e tamén dar saída aos líquidos ou lixiviados xenerados polos residuos orgánicos.
A creación dun cuarto para gardar os colectores do lixo foi a proposta seleccionada para dar a mellor solución ao tratamento dos residuos. Esta solución escolleuse logo de realizar un estudo de residuos, no que se analizou a mellor maneira para xestionar o lixo e tamén se consultou a opinión dos titulares dos postos do Mercado.
Dacordo con ese estudo, o Mercado municipal xenera cada día un volume de 7,7 metros cúbicos de lixo. Tamén se dá conta no informe de que o maior volume dos residuos que se producen no Mercado corresponde, en primeiro lugar, a papel, seguido de madeira, procedentes ambos das embalaxes de produtos e en terceiro lugar, aos residuos orgánicos.
As obras que se realizan nesta semana e que teñen un presuposto de 5.058 euros e foron adxudicadas á empresa Odegal, tamén inclúen a dotación de mobiliario dunha pequena oficina para uso dos comerciantes do Mercado, que se habilitou, atendendo unha das peticións dos titulares dos postos, dentro do proxecto de remodelación que levou a cabo o Plan Urban, que cofinancia ao 80% a Unión Europea, a través dos Fondos FEDER e que conta tamén coa participación económica do Concello de Lugo e da Deputación Provincial.