Afundación Galicia Obra Social presenta mañá venres ás oito e media na súa sede en Lugo, os traballos realizados polos 15 alumnos que participaron nos obradoiros de fotografía inclusivos, organizados por Nós Why Not, que son parte do novo programa da entidade, Di-versión-arte.
Dirixido a persoas con discapacidade funcional intelectual, interesadas en expresarse a través da fotografía ou a calquera persoa interesada no uso das artes como ferramentas de inclusión social, estruturouse en catro sesións.
Os participantes puideron achegarse ás técnicas da fotografía, ao fotoxornalismo e á fotografía profesional, a conceptos básicos como velocidade, iluminación, exposición, profundidade de campo, etc., ou aos novos programas de edición e retoques, entre outros.
Co resultado destes traballos, mañá montarase un proxecto audiovisual en coordinación coa Fundación Igualarte, que ilustrará o espectáculo coa actuación do seu grupo de música tradicional, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.
Os obradoiros enmárcanse dentro dunha nova liña de programación da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) que suma diversidade, arte e cultura e que se recolle baixo o lema Di-version-arte.
Como primeiro paso, esta nova liña inclúe un extenso número de espectáculos de danza, concertos, obradoiros de fotografía e unha exposición final cos traballos feitos neles, nos que os protagonistas son as persoas que conseguen cada día, expresar as súas emocións a través da creación artística.