Máis de cen produtores e produtoras de comarcas leiteiras galegas, convocados pola organización agraria, celebraron onte unha asemblea no mercado gandeiro de Castro para dialogar e debater sobre a difícil situación actual que atravesan.
Cunha caída continuada do prezo do leite dende xaneiro de 2014 e unha inminente supertaxa por exceder a cota asignada, os gandeiros e gandeiras que se reuniron onte, 11 de febreiro, no mercado de Castro de Ribeiras de Lea, convocados polo Sindicato Labrego Galego, valoraron a necesidade de esixir da Consellaría de Medio Rural medidas urxentes de apoio ao sector lácteo. Ademais, de non producirse resposta da Administración, adoptaron o compromiso de iniciar actos reivindicativos.
O acto contou coa presenza da secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivante, e dos asesores da Executiva do SLG, Xabier Gómez Santiso e Xosé Ramón Cendán.
Dende o Sindicato Labrego Galego esixen á conselleira de Medio Rural, Rosa Quintanta, e a todo o seu equipo, que frenen esta parálise e convoquen urxentemente a Mesa do Leite. Afirman asemade que hai importantes problemas e retos aos que o sector lácteo galego debe enfrontarse, e que non deixarán o futuro do principal motor económico do noso medio rural “nas fauces dun mercado desregulado que, se non facemos nada, arruinará definitivamente o que debería ser un dos referentes da nosa economía e do noso agro”.