A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informaron esta mañá de que o Goberno proporá á Corporación municipal no vindeiro Pleno ordinario, o día 29, a consignación de 1,3 millóns de euros para licitar este ano a peonalización da Praza da Milagrosa e de Quiroga Ballesteros, así como a instalación dunha cuberta nesta última rúa.
Estas son dúas das actuacións “fundamentais” incluídas nos tres expedientes de modificación de crédito presentados esta mañá pola rexedora e a concelleira, e que serán abordados pola Corporación na próxima sesión plenaria.
O percorrido administrativo que deben seguir estes documentos, unha vez conformados, consiste na súa aprobación en Xunta de Goberno, paso que se dará na sesión de mañá, o debate na Comisión de Contas e, logo, no Pleno do xoves 29 de xuño, para seguidamente proceder xa á súa licitación e execución.
“Gobernar é priorizar, e iso é o que facemos hoxe. Cando asumimos que o orzamento deste exercicio non ía saír adiante por falta de consenso, anunciei tamén que traballariamos para poder elevar a pleno modificacións de crédito que permitan que Lugo avance. Este traballo está feito e como resultado, imos levar mañá á Xunta de Goberno tres expedientes que cremos esenciais para que os veciños e veciñas non sufran a falta de consenso político”, subliñou a Alcaldesa.
Xunto á peonalización, destacan o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e o párking no entorno do HULA, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, e a consignación de fondos para os proxectos europeos.