Os traballos de dotación de aparcadoiro e zonas axardinadas á nova sede da UNED arrancaron hoxe con 215.000 euros, que se inclúen na partida de 2 millóns de euros que en total o Goberno da Deputación achega á dotación na capital luguesa da sede de referencia da Universidade a distancia no noroeste de España.
O Goberno da Deputación adxudicou estas actuacións a finais de agosto do 2016. Tivo que agardar ata mediados de marzo de 2017 polo permiso legal imprescindible da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. Unha vez chegado este ao organismo provincial, remitíuselle ao Concello de Lugo para que dita última administración puidese outorgar a licenza de obra. Este último trámite non se podía facer, en ningún caso, sen o permiso da Confederación.
Estas obras son as derradeiras no contorno do antigo Hotel Miño, pois o edificio está listo, e teñen un prazo de execución de 2 meses. O Goberno da Deputación xa ten solicitada a licencia de primeira utilización, que non pode concederse ata que rematen e se comproben estes derradeiros traballos de 215.000 euros. O obxectivo é que as novas instalacións da UNED na capital luguesa estean en funcionamento no curso académico de 2017-2018.