Darío Campos Conde, presidente da Deputación informou esta mañá sobre as actuacións con valor de 630.000 euros, que o Goberno Provincial achegou aos máis de 2.700 veciños do Concello de Castroverde a través da execución do Orzamento de 2016.
Campos Conde destacou que “este importante investimento, permitiu ofrecer novos postos de traballo ou atención profesional a maiores, mellorar rúas, construír novas dotacións públicas ou acondicionar as existentes, principalmente en zonas rurais”. Este ano, a través do Plan Único, Castroverde recibirá do ente provincial 280.000 euros para seguir potenciando os servizos públicos.
Seguindo coas achegas da Deputación aos veciños da provincia, Darío Campos Conde, xunto ao voceiro do PSOE na institución, Álvaro Santos Ramos, mantiveron un encontro onte con veciños dos 11 Concellos da Montaña para informalos das actuacións de case 3 millóns de euros, que o Goberno Provincial achega a esta Comarca a través do Plan Único.
Campos Conde explicou que, de dita cantidade, o Goberno socialista da Deputación financia con 1,9 millóns, 60 actuacións para mellorar os servizos públicos e máis de 280 mil euros son para o Servizo a Domicilio a persoas non dependentes.