O grupo municipal de Cidadáns revelou esta mañá que as queixas dos veciños e veciñas de Lugo polo mal funcionamento dos servizos que presta o Concello duplicáronse no último ano, segundo o balance presentado esta mañá na Comisión de Queixas e Suxestións.
O número de expedientes recibidos pasou de 144 en 2015 a 259 no 2016, o que demostra, a xuízo de Olga Louzao, “o aumento do descontento social contra a xestión da alcaldesa, Lara Méndez, e o seu Goberno. Olga Louzao explicou ademais que aumenta o número de queixas que teñen que ver con asuntos que dependen directamente da alcaldesa, que recibiu o ano pasado 93 protestas, fronte ás 21 dirixidas á Alcaldía en 2015, “multiplicándose polo tanto no último ano por catro as queixas dirixidas á Alcaldía”. Para a voceira de Cidadáns, “o descontento crecente dos lugueses e luguesas coa labor deste Goberno queda en evidencia con estes datos”.
Segundo informa Cidadáns, o asunto que é obxecto de maior descontento por parte dos veciños e veciñas de Lugo correspóndese coas queixas recibidas pola labor no último ano da Policía Local, o Gabinete de Tráfico e a Policía Urbana. A voceira de Cidadáns no Concello detallou ademais que, trala Policía Local, os servizos municipais que máis queixas reciben polo seu mal funcionamento son Servizos Sociais (38 protestas en 2016), Augas (22) e Medio Ambiente (20)