O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, informou onte sobre o investimento que o Goberno Provincial achegou aos máis de 1.700 veciños deste municipio a través do Orzamento de 2016. Campos Conde fixo referencia ás melloras en vías de comunicación e dotacións públicas finalizadas, así como á prestación de servizos públicos, todo isto con máis de 330.000 do orzamento de 2016.
Campos Conde e de Dios Álvarez, acompañados de veciños da zona, supervisaron as melloras levadas a cabo polo Goberno da Deputación nos accesos ao campo de fútbol municipal, ao cemiterio municipal e a rúa Rego de San Vicente, financiados na súa totalidade polo Executivo Provincial con 100.000 euros.
Os traballos consistiron, por un lado, na mellora do acceso ao campo de fútbol, un camiño empregado a diario polos veciños do municipio, pois no estadio adestran e xogan todas as categorías do Meira Fútbol Club.
Por outra banda, realizouse a reposición dun treito da canalización na Rúa Rego de San Vicente. Mudouse a tubaxe actual de formigón por unha de prolipropeno. É moi importante esta mellora, pois nesta rúa encontrase o Centro de Saúde de Meira. Con dito investimento, tamén se realizaron obras de melloras, con aglomerado en quente e a limpeza de toda a zona, no acceso ao cemiterio parroquial.