Cinco organizacións abandonan o Consello Forestal pola imposibilidade de participar na loita contra os incendios de Galicia

Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG) anunciaron esta mañá que abandonaron o Consello Forestal Galego, deste 26 de xuño, co fin de denunciar as prácticas de entorpecemento á participación dos colectivos neste órgano no que se debaten as políticas forestais da Xunta e que hoxe debía someter a debate un documento tan importante como o Pladiga 2017 (Plan de Defensa contra os Incendios de Galicia).

Un bo exemplo das prácticas da Consellería de Medio Rural denunciadas é o propio Pladiga. As organizacións critican que, dende a Xunta, se lles enviou o documento do Pladiga para a súa revisión o pasado venres, 23 de xuño, sendo un dossier de máis de 300 páxinas e de grande complexidade técnica que debería ser consultado, debatido e traballado en conxunto dende comezos de ano.

“Outra das prácticas da Consellería para abondar neste entorpecemento é poñer a hora de comezo do Consello Forestal pasado o mediodía, para deixar pouco espazo ao debate e tratamento en profundidade das cuestións da orde do día”, afirman estas organizacións no seu comunicado.

“Estas prácticas entorpecedoras das que falamos non son esporádicas, senón que constitúen o modus operandi habitual da Consellaría de Medio Rural”, aseguran. Desta maneira, se queixan que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez trae os temas ao Consello Forestal como feitos consumados, xa que as organizacións participantes non consideran que poidan traballalos coa suficiente antelación nin tratalos co suficiente tempo e profundidade no propio Consello. 

Dende varias organizacións teñen reclamado insistentemente a constitución dunha mesa de traballo específica dos incendios no seo do Consello Forestal, e sempre se lles nega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com