O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, a construción no barrio da Residencia en Lugo do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, unha infraestrutura que concentrará nun mesmo edificio todos os servizos dunha sanidade pública de primeiro nivel: o Servizo de Saúde Mental, a base do 061, o Punto de Atención Continuada e un moderno centro de saúde.
Cun investimento de máis de 7 millóns de euros e unha superficie de máis de 5.600 metros cadrados de actividade sanitaria, Feijóo precisou que os lucenses contarán co maior centro non hospitalario feito no Servizo Galego de Saúde nos últimos anos; o que suporá “un antes e un despois para este barrio e para Lugo”.
Nesta liña, incidiu en que, se a construción do Lucus Augusti foi un gran paso adiante na atención hospitalaria na provincia, esta nova obra suporá un enorme avance para a atención primaria. “Hoxe presentamos un novo impulso para o antigo Hospital Materno-Infantil; para a Sanidade pública lucense e para os comercios e os veciños da zona”, abundou, subliñando que esta infraestrutura estará rematada a finais de 2019.
Ao respecto, o presidente da Xunta afirmou que trasladar ao barrio o PAC que ata agora estaba en Fingoi supón un grande avance, ao facelo máis resolutivo e máis accesible, coa incorporación de servizos como o de radioloxía. Ademais, o espazo que se libera no centro de saúde de Fingoi permitirá aumentar as consultas de atención primaria deste centro e facelo máis cómodo para usuarios e traballadores.
Así mesmo, esta nova infraestrutura acollerá parte dos servizos do centro de saúde da Milagrosa, un dos máis concorridos de Lugo. “Os veciños e os traballadores disporán dunhas instalacións máis modernas, amplas e cómodas: cun novo servizo de fisioterapia, con melloras no servizo de odontoloxía e coa concentración de toda atención de obstetricia e xinecoloxía”, explicou, ao que engadiu que o proxecto deixa marxe para que este centro sanitario poida evolucionar, medrar e adaptarse ás novas demandas que poidan existir no futuro.
Con esta infraestrutura sanitaria, a Xunta segue cumprindo os seus compromisos con Lugo. Un compromiso que converte Lugo na provincia con maior investimento público por habitante de Galicia e que dotará, ademais, a cidade da Muralla dunha residencia da terceira idade.
No tocante ao barrio, Feijóo aseverou que o compromiso da Xunta non remata neste centro integral, senón que seguirá avanzando para poñer a disposición dos lucenses novos servizos. “E espero para iso, no mes de xullo, asinar co Ministerio de Emprego un acordo para transferir á comunidade autónoma todos os edificios que agora están en posesión da Tesourería da Seguridade Social para cambiarlles o uso”, adiantou.