O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, acompañados de traballadores da Cruz Vermella, presentaron este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a II Pedalada Solidaria de Xermade, coa que colabora o Goberno da Deputación a través do Plan Único. Trátase dunha iniciativa lúdica que terá lugar o vindeiro día 2 de xullo no Concello de Xermade e coa que se busca concienciar á cidadanía sobre hábitos de vida saudable ao tempo que se recadan fondos para Cruz Vermella.
O alcalde mostrou o seu orgullo ante a celebración desta segunda edición da pedalada, na que participaran máis de cen participantes. Ademais animou ás familias a participar, porque é un evento no que non importa competir por gañar, senon que o que destaca é facer unha actividade mediambiental en grupo, coñecendo recunchos descoñecidos que se atopan neste concello. “Haberá agasallos para os participantes e será un día de felicidade na natureza” conclúe Roberto.
Por outra banda, Santos mostrou a súa aportación monetaria para esta e outras actividades que consisten en fomentar a natureza e a vida saudable. “Colaboramos con esta iniciativa solidaria a través do Plan Único da Deputación, pondo á disposición do Alcalde 8.000 euros para financiar varias actividades deportivas e culturais. Trátase, ademais, dunha actividade lúdica en contacto coa natureza, nun enclave único como é o Concello de Xermade”.
Esta proba é completamente gratuíta para as persoas que desexen participar. Poden inscribirse tanto adultos como nenos e nenas pero os menores deberán ir acompañados dun adulto responsable que deberá xulgar a súa capacidade para realizar a marcha. Arrancará as 10:00 horas dende a praza do Concellos de Xermade ata a Charca do Alligal sendo, en total, uns 18 quilómetros.
As persoas interesadas en participar na II Pedalada Solidaria do Concello de Xermade poden facelo ata o vindeiro 29 de xuño cubrindo o formulario que se atopa na web www.xermade.org ou a través do teléfono 982501001.