A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, revelou esta mañá que a Xunta de Galicia ven de retirar a subvención para o mantemento do Fogar do Transeúnte e iniciou un expediente de peche das instalacións por incumprir a normativa vixente en materia de seguridade e accesibilidade.
Segundo explicou Olga Louzao, o pasado día 20 de abril a xefa do Servizo de Inspección da Xunta de Galicia visitou as instalacións do albergue municipal e comprobou que este carece, dende a súa apertura no ano 2010, de autorización de inicio de actividade para o seu funcionamento. Olga Louzao alertou ademais das consecuencias que tería o peche do albergue.
Ante esta denuncia da agrupación municipal de Cidadáns, a edil de Benestar Social, Igualdade e Inclusión no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, asegurou que “Cidadáns chega tarde, mal e arrastro, e por riba minte”. Abelleira asegurou que “o Concello xa aportou en tempo e forma toda a documentación que lle foi requirida o 20 de abril polo Servizo de Inspección da Xunta para subsanar as incidencias burocráticas detectadas” con respecto ao Fogar do Transeúnte. Esta documentación foi elaborada a través dunha encomenda de xestión pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) e enviada á Inspección. Ademais, “esta situación xa lle foi explicada ao Partido Popular cando hai dous meses a cuestionou”, indicou González Abelleira.