En Marea pide que se recupere a atención pediátrica no centro de saúde de Chantada

A deputada de En Marea por Lugo no Parlamento Galego, Paula Vázquez Verao  pide que o centro de saúde de Chantada recupere a atención pediátrica, tralo traslado a outro destino da profesional que viña realizando estas tarefas mentres o titular da praza está de baixa.

O centro de saúde de Chantada conta cunha praza de pediatría, que presta servizo ás e aos menores dos concellos de Chantada e Carballedo, cuns 850 nenos e nenas en idade pediátrica. Recentemente, este centro de saúde de Chantada quedou sen servizo de Pediatría, dado que a médica de familia que se ocupaba desta área – substituíndo á profesional que ten esta praza en propiedade e que se atopa de baixa – foi trasladada a outro destino.

Resultado desta situación, tanto as urxencias pediátricas coma as consultas terán que ser atendidas polo resto de persoal médico do centro de saúde de Chantada e polo Hospital de Monforte. A resposta dada polo SERGAS ás queixas por esta circunstancia o pasado inverno foi que “dada a falta de substitutos da especialidade de pediatría” e “ao non dispoñer de médicos de familia da lista de contratación”, adoptouse a “solución” de que “a patoloxía aguda dos nenos da comarca sexa asumida polos médicos de familia de cupo”.

En Marea quere saber se é intención da Xunta amortizar a praza de pediatra en Chantada, que tipo de atención se vai prestar en xullo en Chantada, e tamén que medidas vai tomar a Xunta a curto e medio prazo para cambater a escaseza de profesionais de pediatría na área de Monforte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com