Este sábado, 1 de xullo, arrinca a novena tempada do Eido Dourado que inclúe obradoiros creativos para os máis pequenos/as así como diversos concertos e recitais de poesía ao pé da praia da Pasada. O Eido Dourado é un espazo para o arte e reabre cunha renovada exposición de pintura do seu creador, Celso Dourado. Celso Dourado anunciou que “este sábado, a partir das once e media, abriremos as portas nesta nova edición do Eido Dourado cunha exposición renovada na súa maior parte, e que permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto coa correspondente actividade cultural”.
O artista barreirense contou que “este ano vai haber a promoción de doce actividades, seis nas terrazas do Gaivota pola súa capacidade, e seis no Eido Dourado no ciclo de concertos Sons ao solpor. Ademais durante estes dous meses programaranse uns talleres creativos para nen@s que impartirá, como fixo o ano pasado, Lucía Vila. Van dirixidos aos máis pequeniños. Trátase de que gocen un pouco do espazo do Eido Dourado e ao mesmo tempo que desenrolen a súa imaxinación. Prográmase unha quenda no mes de xullo e outra no mes de agosto. Aínda non están perfilados, pero probablemente serán despois de comer en torno ás cinco ou as seis da tarde”.
As inscricións nestes talleres poden facerse ben mediante o facebook ou correo, serán gratuítos. “Trátase de que os nenos desenrolen un pouquiño a súa creatividade xa que están de vacacións e no seu tempo de lecer”, explica Dourado.
Imos presentar nos xardíns do Eido Dourado, dentro do ciclo Sons no solpor, seis proxectos novos. Algúns deles son inéditos, vanse presentar por primeira vez. Van ser seis grupos e vai combinar desde o blues máis galego ata o folk e a música de autor. Este ciclo de concertos ten unha gran acollida. Normalmente se a noite nos acompaña soen encherse os xardíns e non queda sitio para máis. Xa levamos un tempo traballando nesta idea, gozamos con ela e a seguiremos traballando, e este ano un pouquiño máis”, conclúe Celso.