O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda abriu os prazos para optar a cinco programas de axuda destinados a fomentar a rehabilitación de vivendas, que suman un orzamento de 7,7 millóns de euros.
Balseiro invitou aos lucenses a achegarse á Delegación Territorial a informarse sobre a liña de subvencións que mellor responda aos seus intereses. O delegado explicou que hoxe mesmo se abre o prazo para solicitar axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual; programa dotado con 500.000 euros para o presente exercicio.
Igualmente, lembrou que poden solicitarse axudas á rehabilitación de vivendas na área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago, convocatoria dotada con 2,9 millóns de euros. O prazo estará aberto ata o 30 de novembro.
Tamén está aberto o prazo para obter axudas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, iniciativa á que se destinan un millón de euros.
Igualmente, están convocadas as axudas de rehabilitación de ámbito xeral e o programa que financia a obtención do informe de avaliación de edificios, polo que os propietarios e comunidades de veciños poden coñecer as condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e o seu estado de conservación.