Olga Louzao denuncia o cambio de opinión do PP municipal tras apoiar onte no pleno as modificacións de crédito

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, felicitou hoxe ironicamente á alcaldesa, Lara Méndez, por ter “incorporado ao Partido Popular ao seu Goberno”, logo da votación de onte no Pleno, no que os populares axudaron a aprobar, coa súa abstención, a modificación orzamentaria do Goberno municipal.

Olga Louzao mostrou asemade a súa “estrañeza” polo cambio de opinión dado onte no Pleno polo novo Partido Popular de Lugo dirixido por Ramón Carballo. Louzao asegurou que o Partido Popular pasou de criticar case a diario ao goberno socialista lucense a apoialo e acusou ao PP de “abdicar das súas responsabilidades como principal grupo da oposición”.

Olga Louzao xa adiantou que “Cidadáns vaise manter firme na defensa dos intereses dos lugueses e luguesas” denunciando o “caos e o desastre ao que este Goberno está levando á cidade“. “Nós non imos mirar para outro lado, como fan outros, ante a situación na que se atopa o Concello”, anunciou a voceira de Ciudadanos. Neste sentido, a voceira de Ciudadanos anunciou que o seu grupo está disposto a apoiar, xunto a outros grupos da corporación, unha iniciativa para reprobar a “nefasta labor que está levando a cabo a alcaldesa”.

“Estamos á metade de mandato e é o momento de saber con que apoios conta este Goberno, se os grupos que fixeron alcaldesa a Lara Méndez, como Lugonovo ou o BNG, á vista dos dous anos transcorridos, séguenlle a manter o seu apoio e se o PP, que é a principal forza da oposición, decide converterse en aliado de Lara Méndez en vez de en alternativa”, indicou Olga Louzao, que reitera que “no caso de que a reprobación saise adiante e se demostre que este Goberno non ten apoios suficientes para os dous anos que quedan de mandato os demais grupos políticos, ademais de reprobar a súa actuación, deberiamos ter a capacidade de poñernos dacordo nunha alternativa”, indicou, na mesma liña que xa defendeu en decembro pasado, durante o Debate do Estado do Municipio, no que invitou ao resto de grupos da Corporación a negociar unha moción de censura “capaz de poñer á fronte do Concello un Goberno eficaz que resolva os problemas da cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com