O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo entrega esta mañá das chaves de cinco novas vivendas no barrio da Tinería. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda asegura que segue comprometida coa recuperación deste barrio a través das sucesivas adxudicacións aos novos residentes nas edificacións recuperadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo(IGVS). Asemade, a Consellería vén de intensificar distintas obras e investimentos para a súa posta en valor e rehabilitación.
“O obxectivo final da administración autonómica é o de recuperar inmobles, conseguir que non se deteriore todo este patrimonio e que veña a vivir xente nova á zona histórica”-explicou Balseiro- quen tamén agarda un compromiso similar por parte doutras administracións, como a local, no ámbito das súas competencias, “en materia de seguridade pública e recuperación social”
As vivendas entregadas formaban parte dos sorteos realizados polo IGVS e se entregan ás persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, onde deberán incorporarse todas as persoas interesadas en participar neste tipo de procesos que buscan proporcionar un fogar máis accesible.
Noutro orden, a Delegación territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico dos 67 concellos lucenses para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. Nesta xuntanza, Balseiro estivo acompañado pola secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella.
A nova convocatoria engloba os programas de fomento da conciliación; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e para apoio aos centros de información ás mulleres.