A Delegación Territorial da Xunta acolle dende hoxe a exposición Camiño a Viena, que reúne 200 debuxos de escolares de 22 países que reflexionan sobre a paz, o respecto ao medio ambiente e os ideais que inspiran un mundo xusto e solidario.
A mostra foi inaugurada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, xunto cos organizadores: o presidente da asociación Paz e Cooperación, Joaquín Antuña, e o director de Galicia Dixital, Xulio Xiz. Camiño a Viena ten o xerme no premio escolar Paz e Cooperación “Mirando ás estrelas. O futuro”, que se convocou en Viena coincidindo coa Semana mundial do espacio de 2016 -do 4 ao 10 de outubro- coa colaboración, entre outros, da Oficina das Nacións Unidas para asuntos do espacio exterior. Dende entón, a exposición ten percorrido Alicante, Madrid e Zaragoza, para chegar agora a Lugo.
O delegado territorial aproveitou o acto para invitar a cidadanía a achegarse a visitar a exposición, “e moi especialmente aos rapaces, que de seguro reciben con claridade a mensaxe que lanzan estes nenos e nenas de todo o mundo, que cos seus debuxos reflicten o seu rexeitamento á guerra, esixen respecto ao medio ambiente, reivindican a igualdade e celebran a diversidade”.