O propio Eixo Atlántico, a través do presidente do Grupo Temático de Deportes, Guillerme Aguiar, recoñeceu que a edición de Lugo, Sarria e Monforte foi excepcional e unha das de máis éxito da historia deste evento. O certame remata tras cinco días de competicións, nas que participaron preto de 2.000 rapaces e rapazas de 29 concellos, 14 galegos e 15 de Portugal. Isto converte aos Xogos de Lugo, Sarria e Monforte nos máis participativos da historia, os primeiros dos que tiveron lugar en Galicia.
A Alcaldesa de Lugo, “agora que se apagan as luces e baixa o telón”, amosou a súa satisfacción por acoller os Xogos, “polo traballo ben feito”, agradecendo o labor “dos centos de persoas que estiveron a traballar a reo para que este encontro deportivo fora unha realidade e un éxito”. “Esta foi a segunda edición máis numerosa e posiblemente a vindeira terá máis participantes, o que significa que teñen moita saúde, que estamos no bo camiño, que se está facendo un traballo espectacular na Eurorrexión, da que precisamente celebramos este ano o 25 aniversario, e que temos que seguir nesta senda”, asegurou Lara Méndez.
A rexedora subliñou que “máis aló dos logros deportivos de cada delegación, que nos alegran e enorgullecen porque ademais esixen moito esforzo”, o maior logro dos Xogos do Eixo son o “compañeirismo, a competitividade sana, a unión de dúas culturas, dous pobos, o galego e o portugués, e a vertebración do territorio que conseguen”. A Alcaldesa incidiu neste senso en que, o mesmo que “fai máis o Erasmus por Europa que moitos tratados, fan máis os Xogos pola Eurorrexión que moitas reunións políticas”.
Pola súa banda, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde agradeceu o traballo de todos os organizadores e dos participantes nesta edición. “Estes Xogos foron un éxito pola exemplaridade no desenvolvemento nas diferentes competicións, así como pola estupenda convivencia entre mozos e mozas de Galicia e Portugal, que tiveron a ocasión de intercambiar experiencias e facer novas amizades. Estaremos encantados de recibirvos en futuras ocasións”.
Campos Conde remarcou que este Xogos convertese nun escaparate único para promocionar a nosa provincia, “e ademais é unha cita que serve como intercambio cultural entre distintos territorios”. Ademais lembrou que a Deputación de Lugo “é a Deputación galega que máis inviste en deporte”.
A Alcaldesa pasou a testemuña da organización dos Xogos a Braga, entregándolle a bandeira do evento á Vereadora de Deportes da cidade, Sameiro Araujo, a primeira ocasión que ten lugar este acto simbólico.