O concelleiro do Grupo Popular, Manuel López, reclamou esta mañá ao goberno local a limpeza vía romana XIX ao seu paso pola parroquia de Coeo. Manuel López afirmou que “se o goberno local apostase en serio pola promoción deste itinerario turístico-cultural non permitiría que a maleza invadise case tódolos tramos do camiño”. O edil do PP, que percorreu esta vía ao seu paso pola parroquia de Coeo, subliñou que é complicado camiñar “xa que a maleza invade a senda, polo que non é posible empregar este camiño para camiñar ou pasear en bicicleta”.
O popular explicou que o goberno local “leva máis de tres anos sen facer o mantemento e a limpeza da vía XIX” e que “se os tramos do camiño que están despexados é porque os veciños os limparon para acceder as fincas que hai na súa contorna ou porque ao pasar cos seus tractores aproveitan para despexar o camiño”.
O popular lembrou que “os socialistas gastaron, hai anos, fondos FEDER en arranxar esta vía” e lamentou que dende o concello non se realice un mantemento periódico do itinerario. Asemade, López recriminoulle á alcaldía que non planifique a promoción desta vía romana. O edil manifestou que, dende que no ano 2008, que rematou o proxecto europeo Vías Atlánticas, o goberno local unicamente programou unhas “mínimas actuacións para promocionar a vía XIX: dúas caminatas e un paseo xeolóxico en 2015”.
“É unha mágoa que despois dos esforzos realizados se esquenzan de desenvolver o ambicioso proxecto de revalorizar esta ruta do itinerario de Antonino de innegable valor patrimonial, ambiental y cultural” reflexionou Manuel López.