A Festa da Merluza de Celeiro presenta o sábado ata sete pratos diferentes

A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación da Festa da Merluza de Celeiro, cita declarada de interese turístico galego, que se celebrará este sábado, día 15 de xullo, nesta localidade do concello lugués de Viveiro.

A presente edición será a número vinte polo que desde a organización agardan celebrar este aniversario cun gran éxito de público. O ano pasado repartíronse máis de 2.000 racións o que demostra que habitualmente ten moi boa acollida como unha das citas gastronómicas máis valoradas da Mariña lucense.

O evento foi presentado polo delegado territorial, José Manuel Balseiro; o tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández, e os directivos do colectivo Chilindrín-Peñalba, Bernardo Fraga e Rosario San Isidro, que se encarga da organización desta cita.

Balseiro puxo en valor a mestura que se da nesta cita de varios puntos fortes: a exaltación dun dos produtos pesqueiros de maior prestixio gastronómico -a pescada do pincho-, capturada pola flota de Celeiro, e a posta en valor dos elementos culturais e patrimoniais vinculados á pesca deste peixe, de enorme transcendencia para unha localidade que acolle un dos portos máis importantes de Europa e do Cantábrico.

Desde a organización quixeron agradecer tamén a colaboración da sociedade Porto de Celeiro e da Confraría de Pescadores da localidade, encargados de facilitar o produto a degustar, que será preparado en sete especialidades diferentes: cociña tradicional, con marisco, á galega, en salsa verde, en caldeirada, en empanada e en pizza. Colaboran tamén 80 veciñas e veciños de Viveiro que desinteresadamente elaboran os 700 quilos de peixe a cociñar e poñen en venda as abundantes racións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com