A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe licitar a contratación de 20 prazas en centro de día para a atención de persoas maiores, os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, e a consignación orzamentaria, que ascende a máis de 177.000 euros anuais, cun prezo mensual por praza de 741 euros. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen explicou que o contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prórroga por outros dous.
O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante, na web www.lugo.gal. O prazo de presentación das proposicións será de 15 días naturais dende a publicación no BOP.
O voceiro do Concello informou por outra banda de que a Xunta de Goberno aprobou tamen a concesión da licenza urbanística para as obras de construción da nova escola infantil da cidade, froito dun acordo de colaboración entre o Concello, a Fundación Amancio Ortega e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.