O Gabinete Municipal de Accesibilidade do Concello de Lugo acordou, nunha xuntanza celebrada esta mañá na Sala de Xuntas do Centro de Servizos Municipais, instar á Xunta de Galicia a ter en conta as condicións de accesibilidade no Camiño de Santiago.
Así o informou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, tras o remate da reunión deste gabinete, que leva os últimos anos traballando coa finalidade de avanzar nunha cidade máis accesible.
Neste senso, a Concelleira deu conta que se acordou remitir ao departamento da Xunta responsable das obras no Camiño de Santiago, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que corrixa en todo o traxecto do Camiño de Santiago, ao seu paso polo municipio de Lugo, as carencias en materia de accesibilidade para que todos e todas poidan gozar deste patrimonio.
Esta decisión enmárcase na aposta do traballo municiCpal por acadar unha accesibilidade universal, pola igualdade de oportunidades, da dignidade das persoas e da autonomía da cidade, co fin de facela máis integradora.