Arqueólogos atopan tumbas medievais no Castro de San Lourenzo

O equipo arqueolóxico que traballa no Castro de San Lourenzo (A Pobra de Brollón) vén de atopar tres tumbas medievais datables no século XII, no marco do proxecto de escavación do castro mineiro romano. Na campaña do ano pasado, escavouse unha antiga capela ocupada probablemente dende o século XI ata o XIX. Este ano escaváronse algunhas zonas da capela que ficaran intactas e foi deste xeito como apareceron dúas tumbas no interior dunha edificación anexa e unha terceira no exterior do edificio.

Cando menos unha das tumbas é do tipo coñecido como “de orelleiras” por presentar sendas pedras situadas a ambos lados da parte da cabeza para mantela ergueita. “O cristianismo cre na resurrección, de aí as orelleiras, para que cando esta se producise, a cabeza do defunto estivese orientada ao altar” comenta Xurxo Ayán, director do proxecto.

Nun dos enterramentos apareceron, ademais, dúas contas de colar, o que fai pensar aos arqueólogos que se trate dunha muller. Por isto xa alcumaron esta tumba como a Tumba de María Castaña, veciña ilustre da parroquia de Cereixa.

As tumbas están escavadas directamente no substrato rochoso a xeito de foxas e delimitadas na súa contorna por unhas pedras. Están orientadas leste-oeste, como é habitual no cristianismo. Segundo Ayán, o achado é de suma importancia xa que é “un espazo sacro de longa duración, ocupado entre os séculos XI e XIX, que semella estar vencellado á antiga ruta xacobea do Camiño de Inverno”.

Pola tipoloxía das propias tumbas, e cruzando con outros materiais asociados, o equipo data o achado en torno ao século XII, aínda que non descartan que puidesen ser máis antigas. Para tratar de datalas, vanse facer unhas analíticas de Carbono 14.

O proxecto do Castro de San Lourenzo ofrece visitas guiadas gratuítas ao xacemento ata o 15 de agosto. Hai dúas visitas diarias ás 11:00 e 19:00.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com