O Goberno Provincial ingresará nos vindeiros días os adiantos do 80% do Plan Único aos primeiros 12 Concellos que o solicitaron e que supón para as arcas provinciais preto de 3 millóns de euros. O executivo provincial decidiu ofrecer aos Concellos este adianto para que ganen liquidez e poñan en macha canto antes as actuacións desta programación. Pode facelo porque transcorreron os prazos legais para a presentación de alegacións e non se formalizou ningunha. Pero necesita, en todo caso, recibir formalmente a petición deste adianto por parte de cada un dos municipios. Así o adiantou esta mañá o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos.
Santos Ramos explicou que “o mesmo día que aprobamos o Plan Único, avanzamos aos municipios que foran pedindo o anticipo para ganar tempo, pois o seu ingreso require de trámites administrativos, non é inmediato. 12 municipios xa o fixeron polo que nos vindeiros días lle ingresaremos preto de 3 millóns. Hoxe mesmo enviamos unha nova notificación aos municipios que non o pediron para que o fagan se o desexan”.
Os 12 Concellos que solicitaron o anticipo do 80% e as cantidades que o Goberno da Deputación lles vai a ingresar son os seguintes: A Pontenova, 204.560 euros; O Valadouro, 214.866 euros; Alfoz, 204.007 euros; Ribadeo, 317.255 euros; Outeiro de Rei, 256.255 euros; Vilalba, 400.000 euros; O Incio, 219.661 euros; Quiroga, 257.440 euros; Folgoso do Courel, 207.453 euros; Antas de Ulla, 206.825 euros; Taboada, 240.776 euros; e Pol, 200.052 euros.
Reducción de custos eléctricos
Santos Ramos explicou tamén que o Goberno da deputación impulsará un novo proxecto para o que convidan a unirse aos concellos. O Voceiro do Goberno Provincial adiantou que o ente elaborou un novo programa de aforro enerxético, chamado ILUMIN@, dirixido a todos os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos. Hoxe mesmo o Presidente, Darío Campos Conde, remitiu unha carta aos 66 municipios aos que vai dirixida esta programación para que se sumen á mesma, explicándolles que o Goberno Provincial quere avanzar co ILUMIN@ na redución aos Concellos dos seus gastos municipais pola luz.
Co ILUMIN@ os Concellos recibirán unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais como alumeados públicos, centros sociais, instalacións culturais ou deportivas…O Goberno Provincial distribuirá os fondos nos 66 Concellos en base ao seguintes criterios obxectivos: superficie, poboación, dispersión e esforzo fiscal. De sumárense os 66 Concellos, os municipios recibirán un mínimo de 10.500 euros e un máximo de 29.900 euros.
Para elo, a Deputación solicitará a axuda de fondos europeos a través do IDAE (Instituto de Desenvolvementos de Aforro Enerxético), unha vez coñecida a participación dos Concellos. O obxectivo é acadar 800.000 euros comunitarios para poñer en marcha unha programación de 1 millón de euros, pois o Executivo Provincial achegará outros 200.000 euros