A xornada iniciouse na parroquia de Manán (O Corgo) cunha homenaxe ao falecido Enrique Casanova, ex voceiro do BNG
no Corgo e Axente Forestal. O acto conmemorativo tivo lugar na praza que leva o seu nome dende que fora nomeado fillo adoptivo d´ O Corgo e despois de que falecera no ano 2015.
A partir das 13:30 iniciáronse, no lugar da Ponte de Neira, os actos da Festa da Patria que comezou cun acto político no que interviñeron a Parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, o Parlamentario pola Coruña, Xosé Luis Rivas (Mini), o Tenente de Alcalde no concello de Sarria, Efrén Castro, e a Concelleira no Corgo, María Abuín. Despois do acto político celebrouse un xantar que reuniu a máis de un cento de persoas.
Na súa intervención, a Parlamentaria Olalla Rodil animou a todas as galegas e galegos a participar nos actos do Día da Patria, que este ano se celebra baixo o lema “Galiza, a Nación que Compartimos”.
Rodil afirmou “o 25 de Xullo é a festa de todos os galegos e galegas, nesta nación que compartimos e esta idea está presente no traballo político do Bloque, plasmado nas nosas propostas de país formuladas con altura de miras para concitar consensos”. Xunto con esta mensaxe de inclusión, Olalla Rodil fixo fincapé en que “o BNG ten como gran obxectivo converter a celebración do Día da Patria nunha gran mobilización social que una aos galegos e as galegas en contra da discriminación e do agravio que padece o país e en defensa dos nosos intereses”.