Cidadáns denuncia o prezo dunha terraza en Lugo, a case 58 euros o metro cadrado

O grupo municipal de Cidadáns considerou esta mañá “desproporcionado” o prezo que o Concello de Lugo cobra aos locais de hostalaría da cidade por colocar as súas terrazas. A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, explicou que un bar ou unha cafetería do casco histórico de Lugo paga uns 230 euros por unha mesa con catro sillas, a razón de 57,96 euros por metro cadrado, máis do dobre do que pagaría se estivese na Coruña ou Santiago e dez veces máis que en Vigo.

Olga Louzao afirmou que “este custo desproporcionado non ten sentido nunha cidade coma Lugo, que ten precisamente na súa gastronomía e na súa hostalaría un dos principais atractivos e reclamos”, polo que considera que “estas taxas abusivas cobradas polo Concello desincentivan a apertura de novos negocios e encarecen os prezos que pagan os cidadáns ao ter que repercutir os establecimentos ese sobrecusto nos clientes”.

A voceira de Cidadáns explicou que o Goberno municipal desestimou as alegacións presentadas pola asociación Lugo Monumental contra a ordenanza fiscal municipal que regula a ocupación da vía pública, e que o Goberno municipal de Lara Méndez levará á Comisión de Contas deste venres e aprobará definitivamente no vindeiro pleno. Entre os argumentos que o Goberno municipal utiliza para desestimar as alegacións da asociación está o de que o prezo cobrado non é caro porque calquera bar do centro saca unha rendibilidade maior a 57 euros a cada cadeira que coloca na terraza. A xuízo de Olga Louzao, este é un argumento “subxectivo e inconsistente que abre a vía a futuras reclamacións xudiciais”.

Precisamente unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou ilegal a comezos de ano o método de cálculo utilizado polo Concello de Lugo na súa ordenanza fiscal número 152 e obrigou ao Goberno municipal a modificala para corrixir esta deficiencia. O Goberno municipal trae agora a pleno esta modificación, pero sen ter en conta aos colectivos afectados. De feito, quen conseguiu o fallo do alto tribunal galego foi a Asociación de Empresarios da Construción pola afectación da norma ao cobro tamén abusivo das grúas de obra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com