A Audiencia Provincial de Lugo condenou esta mañá a Pablo Taboada Camoira, alcalde de Palas de Rei, a 9 anos de inhabilitación especial para ser concelleiro, alcalde ou calquera outro posto na entidade local, por un delito continuado de prevaricación e 15 meses de prisión por acoso laboral contra a Secretaria Municipal, Celia González Vázquez.
González Vázquez sufriu acoso laboral dende o seu nomeamento como Secretaria Municipal no ano 2007, por parte dun grupo de ediles do Partido Popular deste Concello; así o considerou probado a Audiencia Provincial, que fallou ademais que ao converterse en alcalde Pablo Taboada, continuou este comportamento.
A Audiencia tamén lle da a razón á secretaria ao fallar en contra de Taboada, tras coñecer que o rexedor convocou un pleno extraordinario coa finalidade de “acordar a sanción de destitución da secretaria, a sabendas da ilegalidade de tal acordo xa que o Pleno non era en ningún caso o órganos competente para impoñer a sanción de destitución da Secretaria”.
A Audiencia Provincial condenou a Pablo Taboada a 9 anos de inhabilitación e 15 meses de cárcere, pero non foi o único. O seu predecesor, Fernando Pensado, foi tamén condenado polos mesmos delitos a 8 anos de inhabilitación especial e 15 meses de prisión, por ter a iniciativa de acosar á vítima.
Os concelleiros José Ramón García e María Cristina Lodeiro, así como Amando Sande e María Aurora Vila, por un delito de prevaricación en menor medida, foron condenados a 7 anos de inhabilitación.
En canto aos delitos de acoso laboral ou mobbing, os funcionarios instigadores de acoso, Juan Manuel Varela, foi condenado a 9 meses de prisión e outros 6 meses foi a pena para María Luisa Novo, tamén funcionaria do Concello que, segundo a sentencia, “en menor medida se dirixiu de maneira despectiva á Secretaria e presentou un escrito ao alcalde sinalando que non ía seguir as ordes da mesma”. Por último, Carlos Ouro Villamor, funcionario administrativo do Concello de Palas foi condenado a 12 meses de cárcere por tomar a iniciativa de opoñerse á secretaria municipal.