A Delegación de Lugo da Xunta de Galicia vén de manifestar a súa sorpresa despois de que a Deputación de Lugo asegurase que probablemente a vindeira semana haberá una reunión entre Xunta e Deputacións para abordar a cuestión dos bombeiros, xa que o ente provincial lugués é o único dos convocados polo Goberno galego que precisamente non contestou aínda á súa proposta para manter un encontro ao respecto.
Hai xa dúas semanas, a Xunta de Galicia convocou ás Deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra a manter un novo encontro para abordar a situación dos consorcios provinciais contra incendios e salvamento, despois de que estas avogaran por un cambio no modelo de xestión pero ano e medio despois sigan sen aportar informes que avalen a súa viabilidade e a continuidade dos traballadores.
A Deputación de Pontevedra foi a primeira en responder á misiva, tamén por escrito, manifestando a súa presidenta que non acudiría a esta reunión fose cando fose pero que enviaría a un dos deputados do ente. A Deputación da Coruña, pola súa banda, ofreceuse a asistir e propuxo unha data para a súa celebración, mentres que da Deputación de Lugo non consta aínda ningún tipo de resposta.