A voceira do grupo provincial do Partido Popular, Elena Candia, anuncia que, no Pleno deste mércores, esixirá ao presidente da Deputación que “deixe de xogar politicamente coas residencias” e inicie canto antes a construción das de Portomarín e Folgoso do Courel. Os populares farán esta petición logo de que Darío Campos incluíse na orde do día do Pleno deste mércores unha modificación orzamentaria que leva consigo a construción destas instalacións por parte do organismo provincial e non por parte de SUPLUSA, tal e como xa estaba acordado.
Trátase, por tanto, segundo subliña Candia, “dunha maniobra política máis do Goberno provincial coa que pretende desviar o cumprimento dos acordos aprobados e así vaciar de competencias á Sociedade Urbanística”. Tendo en conta este cambio, a voceira popular preguntáralle ao presidente “cal será o papel que xogará no futuro SUPLUSA, pois foi moito o diñeiro público empregado en varias das residencias xa rematadas, pero o futuro segue a ser incerto”, indica.
“Inicialmente, a construción e a xestión dende 2010 levaríaa a cabo a Sociedade Urbanística e, a tal fin, se lle facía unha encomenda de xestión. Posteriormente, solicitaban a concertación de prazas á Xunta de Galicia e esta administración falou con claridade pedindo a súa inscripción no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Agora, o presidente plantexa esta modificación sen concretar nada tampouco. En definitiva, o futuro segue a ser incerto”, critica a voceira popular.
Neste senso, o Partido Popular solicitará este mércores a Darío Campos “que deixe de facer vítima das súas liortas á institución que preside” e que cumpra os compromisos relativos ás residencias nestes dous concellos.