O Pleno deste martes aprobou a proposta do Goberno Provincial de solicitar unha operación de crédito dende a Deputación de Lugo por valor de 15 millóns de euros para melloras na rede viaria provincial, que é a máis extensa de España ao superar os 4.200 quilómetros de estradas nos 67 Concellos da provincia. Cómpre destacar que, grazas á xestión levada a cabo na última década, o organismo provincial ten unha débeda financeira de cero euros.
O Executivo Provincial fixo esta proposta, presentando unha emenda de substitución á totalidade á moción do Partido Popular relativa a un plan de mellora de estradas. Todos os Deputados da Corporación apoiaron esta iniciativa , que apunta acordos como que o plan alcance os exercicios 2017, 2018 e 2019, dotando económicamente as actuacións a desenvolver cun orzamento de 15 millóns de euros achegados dunha operación de crédito, asemade, a Deputación aportará tamén fondos Propios. Como último acordo, a corporación creará unha comisión na que participarán todos os grupos políticos.
Cómpre destacar que hoxe se acordou “acudir a unha operación de crédito” e que esta debe ser aprobada polo Pleno Provincial en vindeiras sesións. O Vicepresidente e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez Núñez, avanzou que estes fondos permitirán o aglomerado en quente duns 300 quilómetros, superando, deste xeito, os 1.500 quilómetros de aglomerado en quente que se acadaron durante a última década.
Martínez Núñez destacou que “o noso obxectivo é executar ao longo do vindeiro ano estas melloras de 15 millóns de euros para chegar ao 2019 co 50% da rede viaria con aglomerado en quente”. O Goberno Provincial proseguirá co Plan Integral de Mellora da Rede Viaria Provincial, que puxo en marcha o ano pasado, mellorando uns 120 quilómetros de estradas, que discorren por unha trintena de municipios, con 6 millóns de euros.
Á entrada do Pleno, a presidenta do PP provincial, Elena Candia, congratulouse de poder chegar a un acordo cos socialistas. A voceira popular asegurou que esta posta en común “marca un antes e un despois na institución provincial”.