ACE-EU levou ao Pleno de hoxe do Concello de Lugo unha proposión de reprobación da alcaldesa, Lara Méndez. Aínda que fai días, que o anunciara o voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe, o certo é que a sorpresa chegou cando a proposición saíu adiante co apoio do Partido Popular, do BNG-AA e de Cidadáns e coa abstención de Lugonovo. Os sete votos en contra do PSOE, que hoxe non contaba con Manuel Núñez, non foron suficientes para loitar contra esa reprobación.
Tanto a alcaldesa como o voceiro municipal, Miguel Fernández, participaron no debate, no que consideraron que Carlos Portomeñe “busca un minuto de gloria e o protagonismo fácil en todos os plenos, e está encantado con iso”, segundo lle reprochou o voceiro municipal. Lara Méndez, pola súa banda, recalcou a “falsidade” das motivacións de Portomeñe para presentar a moción. “É certo que quedan moitos escollos e temas por solucionar, queda moito por facer, e non vamos coa rapidez que quixeramos, pero tamén é certo que esta moción obedece a unha rabieta porque Portomeñe quería presentar enmendas aos expedientes de modificación de crédito para facer investimentos na cidade que aprobamos no último Pleno e o regulamento non o permite”, asegurou a rexedora.
O sorpresivo debate non acabou coas reprimendas da oposición á alcaldía, senón que o PP, quixo dar un paso máis e propuxo una enmenda de engádega a Proposta de reprobación, para convertela nunha moción de censura. O voceiro do Grupo Popular aproveitou o debate da iniciativa de EU para invitar aos grupos da oposición a iniciar negociacións para censurar á alcaldía e pediu “valentía” aos partidos que colocaron e votaron a investidura da alcaldesa a cambiar o rumbo, pois “se queren cambiar a forma de gobernar hai que cambiar aos gobernantes”, matizou o voceiro popular, Antonio Ameijide.
O popular tildou a reprobación como un “queda ben” diante da opinión pública, como unha “manobra para tapar as vergoñas de quen, hai dous anos, aprobou un pacto de perdedores sen condicións”. “Se están tan cansos e tan fartos; se cren que é o momento de cambiar algo neste Concello hai só unha maneira de que o cambio sexa unha realidade” dese xeito o popular brindáballes a oportunidade de negociar unha moción de censura, que finalmente o resto de
grupos rexeitaron; cando o “lóxico”, na opinión dos populares, “sería ter aceptado o envite xa que esta fórmula é a única reprobación real que pode ter algunha repercusión”.
Pola súa banda, a portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Hérraiz reiteraba esta mañá a iniciativa que a formación xa propuxera durante o Debate do Estado do Concello como a única solución efectiva á xestión errática do actual equipo de goberno. “Dixémolo no seu día e tamén agora. Seguimos dispostos a sentarnos en torno a unha mesa para dialogar sobre o futuro, contando co resto das forzas de esquerda, calquera outra posibilidade non tería sentido”, botaba mas así a concelleira do argumento xa presentado polo seu partido e que defende unha coalición de esquerdas.
“Dende logo non vai ser Lugonovo quen negue os problemas que existen na dirección desta institución. De feito, levamos dous anos denunciando incansablemente todo tipo de despropósitos, dende a existencia de ducias de contratos caducos ata o atraso nos pagos de facturas a proveedores, os poucos avances en materia de dixitalización que lastran a tramitación burocrática ou a cuestión do persoal que afecta e condiciona a maioría dos servizos municipais”.
“A crítica foi e é unha das nosas constantes. Pero tamén baseamos o noso traballo no espírito propositivo e construtivo”explicaba Pérez Herráiz ante a proposta de reprobación que, dixo, “só pretende facer ruído cunha manobra retórica pero sen percorrido legal algún”. E asegurou que esta forma de traballar non define á súa agrupación, que busca construir unha mellor cidade, e que “nunca apoiará unha moción de censura da
dereita e tampouco a pensa facilitar”.