O Concello e a Asociación Concepción Arenal presentan as XXXI Xornadas Penais Lucenses

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto coa presidenta e o vogal da Asociación Penal Concepción Arenal, Paula Alvarellos e Víctor Fraga, presentaron esta mañá a trixésimo primeira edición das Xornadas Penais Lucenses. Este ano terán lugar os días 26 e 27 de setembro nas instalacións do Vello Cárcere. Para Paula Alvarellos, supón “un orgullo seguir presentando estas xornadas” coas que colaboran o Goberno local e a Deputación cunha achega económica. A presidenta da Asociación explicou o programa se levará a cabo nestas xornadas que, este ano, teñen como eixo central a educación nas prisión como forma de reinserción social, baixo o lema “Abride escolas e pecharanse cárceres” verbas escritas pola propia Concepción Arenal.

Dentro do programa, haberá un primeiro relatorio o día 26 de setembro ás 19:30 no que, baixo o nome de A educación en prisión na Lei Orgánica Xeral Penal. ¿Dereito ou deber?, a xuíza de Vixilancia Penal de Lugo, María Jesús García Pérez, exporá se certamente esta educación tería que ser unha obriga dentro dos cárceres, necesaria para a reinserción social. “Desde a asociación cremos que a educación é parte da reinserción social”, especificou Alvarellos, quen detallou tamén que na prisión pódese acceder a calquera tipo de ensinanza, reglada ou non e, incluso, universitaria. “No cárcere son moi importantes os programas de alfabetización”, destacou a presidenta da asociación facendo referencia aos numerosos presos extranxeiros, analfabetos ou moi novos e sen estudos básicos.

Na xornada do mércores 27 de setembro poderase gozar dunha mesa redonda sobre a educación de adultos en prisión e as boas prácticas en centros penais. Como intervintes estarán José Antonio González Barbeito, director do Centro de Educación Permanente de Adultos no Centro Penal de Teixeiro (A Coruña), e Pedro Cantero Soto, director do Centro de Educación Permanente de Adultos no Centro Penal de Monterroso. Esta mesa redonda será moderada polo propio vogal da Asociación e director de Programas do Centro de Monterroso Víctor Fraga Gayoso.

Precisamente, Fraga Gayoso, explicou que a educación para a reinserción é “o gran compromiso que debe acoller esta sociedade para pór en valor o que se fai nas cadeas”. Asemade, asegurou que estas xornadas veñen dadas tamén pola necesidade de atender os diferentes aspectos educativos da sociedade dos penais e visibilizar a labor dos mestres e mestras que traballan nas prisións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com