A Xunta de Galicia concedeu subvencións por importe global de 54.000 euros a 18 concellos da provincia de Lugo que celebran festas declaradas de interese turístico galego.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen destacou que o obxectivo do Goberno galego é seguir a apostar e promover este tipo de eventos que incentivan as economías locais e supoñen un notable reclamo.
A Xunta dará 3.000 euros a cada concello solicitante, para colaborar nos gastos relativos á promoción e difusión turística da festa, como publicidade, carteleira, anuncios nos medios de comunicación ou actuacións artísticas. No caso de celebración de festas gastronómicas son subvencionables tamén os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.
As citas de interese turístico galego acadaron no seu día o recoñecemento da Xunta en función da valoración de moi diversos factores, entre outros, da antigüidade, da singularidade e do arraigamento, así como pola importancia das actividades de promoción que desenvolven.