O grupo de música folk Xógara inicia este domingo, 30 de xullo, a súa xira por Galicia co concerto que ofrecerá nos xardíns do Eido Dourado, en Barreiros. A actuación enmárcase no ciclo Sons no solpor que ten lugar nas noites dos
domingos á caída do sol.
O promotor do Eido, Celso Dourado, anuncia que “este domingo, dentro do que é a programación de Sons no solpor, temos unha aposta firme, unha aposta que eu particularmente tiña moitas ganas de vela, e trátase do estreo en Galicia da xira de Xógara”.
O artista barreirense subliña que “Xógara é unha banda anglo-galega- galesa, e ese día 30 de xullo vaise estrear aquí, na nosa terra. Xógara é un grupo esencialmente instrumental que bebe da música celta. Nace en Oxford da mao de tres músicos británicos e un galego. É un proxecto que encarna a mellor tradición europeísta da música folk”.
A banda multicultural, está composta por Siriol Davies na voz principal, procedente de Gales; John Ruddock, que leva os ritmos das cordas da guitarra e o bouzouki; Jo Hamilton, que trae as súas composicións e toca instrumentos de vento como pode ser o saxo soprano ou a frauta; e o músico de raíz galega nado na vila de Foz , Manolo Panforreteiro, que toca a gaita galega e o low whistle”.