O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, acompañado dos voceiros de diferentes agrupacións municipais acudiron hoxe ao Parque Infantil de Tráfico (PIT) para pór o broche final aos XVII Cursos de Verán de Educación Vial. Manuel Núñez foi o encargado de clausurar esta actividade, consolidada xa no calendario estival dos nenos de Lugo, e que organiza o Concello en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico. Ao acto de clausura tamén asistiu a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero.
O curso busca que os máis pequenos adquiran condutas e comportamentos seguros, tanto sendo peóns como usuarios do transporte público e privado. O goberno local, tenta así que os nenos e nenas aprendan hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, situacións de tráfico reais, e a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos e do uso do chaleco reflector, o casco ou o cinturón de seguridade, entre outros.
Así, preto de 200 rapaces e rapazas, entre os 8 e 16 anos, recibiron este luns o diploma que acredita esta formación en seguridade viaria no Parque Infantil de Tráfico. Os participantes, agrupados por idade, tiveron formación teórica e práctica durante máis dunha semana.