A Audiencia Provincial de Lugo condenou a un mozo da cidade a 8 anos e 5 meses de prisión por coaccionar e violar a un rapaz de 16 anos no 2010, causándolle un trastorno psicolóxico adaptativo, quedándolle como secuela un síndrome de estrés postraumático.
Asemade, na sentenza da Audiencia Provincial, estipúlase que o condenado non poderá aproximarse nin comunicarse coa vítima en 12 anos, así como unha indemnización económica de 13.000 euros máis o pagamento das cotas procesais.
Os feitos tiveron lugar no 2010, cando o acusado, de 27 anos, coñeceu á vítima, tendo varios encontros de carácter sexual “sen penetración”, segundo estipula o auto da Audiencia Provincial. O condenado aseguroulle ao menor que quería manter con el unha relación sentimental e este negouse, rexeitando dende ese momento as súas chamadas. Pasado un tempo, o acusado volveuse a pór en contacto coa vítima quen acudiu a un novo encontro con el, nunha vivenda da súa propiedade, onde o acusado tentou manter relacións sexuais coa vítima, forzándoo a tocalo e, incluso, a realizarlle sexo oral.
Tras rematar, mentres o menor continuaba espido, o condenado sacoulle fotografías coas que máis tarde o acusado coaccionaría ao menor, chantaxeándoo para que lle collera o teléfono.
Tras interpoñer a denuncia, o menor pasou oito meses sen saír da casa e abandonou os estudios, chegando incluso a cambiar o seu lugar de residencia, tras publicarse a nova da súa violación na prensa lucense.