Continúan a saír nomes de cara ao San Froilán. Se hai uns días anunciabamos o nome da pregoeira das festas e dous dos concertos dos días grandes, o Concello de Lugo nomeou hoxe a Noemí Mazoy como oferente a Rosalía de Castro, no Domingo das Mozas. O acordo tomouse por maioría en xuntanza de Comisión de Festas. Noemi Mazoy naceu en Lugo e declárase namorada da súa cidade, participou en numerosas facetas artísticas, con gran éxito, como actriz e cantante soprano.
Carmen Basadre, edil de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, anunciou a publicación, o pasado sábado, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), do procedemento de licitación para a autorización de instalación de nove postos de venda na IV Feira Gastroarte ata o ano 2019. Así mesmo, o BOP recolle a licitación para a autorización de instalación dunha trintena de atraccións no recinto feiral para os anos 2017, 2018 e 2019, tanto carruseis, como circuítos, atraccións de habilidade, stands ou mesas de venda.
Todas as persoas interesadas en ambos os dous procedementos, poden presentar propostas durante 30 días hábiles no Rexistro Xeral do Concello, finalizando o prazo o 11 de setembro.