O SLG denuncia diante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo a Eroski pola venda de leite a 25 céntimos

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar hoxe un escrito de denuncia diante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo  para “darlle a coñecer a vulneración de numerosas leis que realizou o grupo Vegalsa-Eroski ao poñer á venda leite da marca Deleitar a 25 céntimos o litro, no pasado mes de xullo, cando o seu prezo de venda habitual nas superficies comerciais é de 85 céntimos”. Para formular a denuncia, o SLG partiu “de que un prezo de 25 céntimos por litro para o consumidor final é unha clara venda a perdas, xa que o valor medio en orixe de 2017, segundo o Observatorio do Sector Lácteo, estivo entre 26 e 27 céntimos para as granxas con menos de 100.000 quilos de produción, que son as que menos cobran”. En base a isto, “a oferta realizada por Vegalsa-Eroski viola varias normativas, como o artigo 17 da Lei de Competencia Desleal, que considera desleais condutas que poidan inducir a erro aos consumidores acerca do nivel de prezos doutros produtos ou servizos do mesmo establecemento”.

Neste caso, segundo a Lei de Comercio Minorista, a competencia sancionadora diante dun caso de venda a perdas correspóndelle á Xunta de Galicia, motivo polo que dende o Sindicato Labrego Galego decidiu poñelo en coñecemento da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para que actúe en consecuencia. Cómpre ter en conta que a marca obxecto desta infracción” Deleitar, comercializa leite da empresa Dairylac, á que á Xunta de Galicia lle ten feito entrega de importantes sumas de diñeiro -máis de 3 millóns de euros en 2016 para elaborar derivados lácteos- e na que participan diversas cooperativas”. Por todo o devandito, o SLG pediu no seu escrito que a Xunta “abra expediente sancionador, realizando todas as indagacións que procedan en orde a declarar a existencia dunha práctica ilegal, impoñendo as sancións que a Administración está facultada para impoñer, con independencia das accións que noutro orde poidan proceder”. Segundo o sindicato nacionalista, “non actuar neste caso tan grave de venda a perdas constituiría un fatal precedente para o sector produtor do leite en Galicia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com