A Xunta de Galicia vén de aprobar novos investimentos no concello de Guitiriz, como son as melloras no parque empresarial, elevando o importe das actuacións que están en marcha neste municipio a preto de 800.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega financiamento para unha nova planta de depuración de augas pluviais e obras de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública do polígono industrial.
Este programa de axudas ten por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.
Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tramita a licitación das obras de reforma integral de rehabilitación enerxética do Colexio de Educación Infantil e Primaria Lagostelle. Asemade tamén colabora na mellora da sinalización e da accesibilidade da coñecida como Ruta da Auga, incidindo así tamén no desenvolvemento turístico do municipio. Ao respecto, cabe lembrar que a Xunta financia tamén a contratación dun socorrista para a piscina durante os meses de verán.