O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida vén de confirmar que a Concellería de Educación do Concello de Lugo segue sen pagar ás librerías do municipio o importe dos cheques para libros de texto de material escolar do curso 2016-2017, cando queda pouco máis dun mes para o inicio do novo período lectivo. Segundo ACE-EU, afirma ter “constancia de que existen libreiros cos que a administración municipal ten unha débeda de ata 7.000 euros, importes que resultan asfixiantes para a contabilidade do pequeno comercio autónomo”. “As librerías están a facer de banco do Concello, son elas as que están a subvencionar na práctica ás familias sen recursos suficientes para costear os manuais escolares. Se os libreiros non cobran a tempo o que se lles debe, moitos non estarán en condicións de adiantar os cartos ás familias que o soliciten este curso, polo que o alumnado con dificultades económicas é o primeiro prexudicado por este retraso inxustificable do goberno local, correndo un serio risco de non poder mercar os seus libros de texto este ano”, sinala o concelleiro Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
ACE-EU cuestiona o propio método de funcionamento do programa municipal de axuda ás familias con menos recursos para a compra dos libros de texto e material escolar, que consiste en vales por un importe de 80€ que os solicitantes das axudas non reciben ata xaneiro. “As economías familiares verdadeiramente apuradas precisan os cartos no momento de mercar os libros, non poden permitirse agardar ata o segundo trimestre do curso. Tanto para as familias como para as librarías é preciso que o Concello de Lugo entregue en setembro os vales e pague por adiantado as axudas”, propón Portomeñe. “A xente xa está solicitando agora os manuais e material para o vindeiro curso, a liña de axudas xa tiña que estar preparada no remate do anterior curso para que cada alumno dispuxese do cheque correspondente no momento de mercar os libros”.