O presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á aposta pola mellora dos servizos do Camiño Primitivo como un exemplo do compromiso por diversificar os Camiños de Santiago e converter Galicia nun destino tranquilo, acolledor e aberto ao mundo. “Queremos que veñan turistas e que nos visiten, porque somos un pobo acolledor”, aseverou, recordando que se o pasado ano foi “o mellor ano histórico dos Camiños”, nos meses que van desde 2017, Galicia xa acolleu un 9% máis de peregrinos que en 2016. “Isto supón unha media de 1000 peregrinos ao día e significa, tamén, que este ano podemos volver a concretar un novo récord histórico de peregrinos”, engadiu.
Así mesmo, precisou que, en termos xerais, o primeiro semestre deste ano foi o mellor da historia para o turismo galego, con preto de 1,8 millóns de viaxeiros aloxados nos hoteis da comunidade. Nesta liña, incidiu en que lugares como A Fonsagrada poden atraer un viaxeiro con interese polo patrimonio natural e histórico, e contribuír a consolidar Galicia como un destino turístico tranquilo.
No tocante ao novo albergue, Feijóo subliñou que esta infraestrutura, que nace para impulsar o Camiño Primitivo, suporá un importante impulso para a localidade xa que recupera para a veciñanza a Casa Pasarín, un dos edificios máis emblemáticos desta vila; e porque estas novas instalacións permitirán aumentar a capacidade de acollida de peregrinos e, polo tanto, o seu atractivo turístico.
Así, entre as reformas levadas a cabo, uniformáronse os niveis das plantas baixa e primeira e substituíuse parte da fachada oeste; reemprazouse unha parte da fachada sur por unha galería; melloráronse as condicións de iluminación e ventilación dos patios interiores; incorporáronse melloras de accesibilidade; restauráronse os elementos arquitectónicos e as pinturas murais do edificio; e dispuxéronse tres dormitorios, nos que poderán descansar ata 42 peregrinos. Un equipamento no que en total a Xunta investiu máis de 600.000 euros.
Feijóo salientou que a declaración dos Camiños do Norte e o Primitivo como Patrimonio da Humanidade veu acompañado por un aumento do interese por percorrelo. Non en van, só nos últimos dez anos o número de peregrinos do Camiño Primitivo multiplicouse por catro, ata acadar os 12.100 o ano pasado.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que o Goberno Galego está plenamente comprometido co desenvolvemento desta ruta, “e por iso a Rede Pública de Albergues de Peregrinos en Galicia suma xa máis de 10 establecementos ao longo dela”, precisou.