Unha de cada tres visitas ao portal de transparencia do Concello de Lugo, www.transparenciaconcellolugo.gal, refírense aos enderezos electrónicos da Alcaldesa e dos concelleiros e concelleiras do Goberno e aos datos biográficos da rexedora e da Corporación Municipal. Ademais, destacan polas visitas a publicación das actas das Mesas de Contratación, seguida da composición, forma de desiganción e convocatorias deste órgano, así como a publicación da axenda institucional da Alcaldesa e a Relación de Postos de Traballo.
Dende a posta en funcionamento desta ferramenta, o portal recibiu máis de 5.060 visitas, con 3.793 persoas usuarias distintas, que visitaron o portal cunha duración medida da sesión de 2 minutos e 26 segundos, vendo unha media de 2,96 páxinas. Por cidades dende as que se accede a este portal, encabeza o ránking Lugo, seguido de Madrid, Santiago de Compostela, A Coruña, San Petersburgo, Barcelona, Vigo, San Cugat del Valles e Samara.
Neste novo portal, con acceso directo dende a web www.lugo.gal e no que se cumpre cos índices de transparencia establecidos pola organización Transparencia Internacional, a cidadanía pode atopar 78 entradas con información, estruturada en 6 grandes apartados sobre a Corporación, servizos, economía, contratación, urbanismo e obras, e medio ambiente.
Facilitar o acceso da cidadanía á información pública é un dos obxectivos da posta en marcha deste novo portal, un dos compromisos fundamentais que adquiriu o Goberno ao inicio do mandato co fin de mellorar a calidade democrática e a transparencia. Nesta liña, O Goberno Local seguirá traballando para que este portal sexa vivo e dinámico, como a vida do propio Concello, actualizándose constantemente os datos e a documentación que se vaia xerando día a día. Ademais, dentro do proxecto acado polo Concello denominado Lugo Smart City, de 4,1 millóns de euros, o Goberno incluíu un reforzo deste portal, e, a maiores, avanzar no Goberno Aberto e noutros indicadores, xunto a outras 9 accións para garantir máis participación da veciñanza nos procesos administrativos do Concello.