Afundación e o Instituto Galego do Viño convocan un novo programa de cursos de cata de viños, coordinado polo catador e director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas. A proposta ofrece tres modalidades: unha certificación de nivel básico, dirixida a amantes e afeccionados da cultura vitivinícola que busquen un primeiro achegamento ao mundo do viño, e dous de nivel avanzado para profesionais do sector. Os cursos iniciaranse o próximo mes de outubro e finalizarán en maio de 2018 nas sedes Afundación de Pontevedra, Ourense, Ferrol, Lugo, Santiago, Vigo e A Coruña. As inscricións poden realizarse a través das canles habituais de venda de Afundación, en Ataquilla.com, a través do teléfono 902 504 500 e nos despachos de billetes das sedes da entidade.
O obxectivo do programa é achegar aos amantes do viño aos conceptos necesarios para a súa interpretación e goce, ademais de desenvolver as súas capacidades de cata. En palabras de Xoán Cannas, «estes certificados son a mellor maneira de que afeccionados e profesionais poidan achegarse á cultura do viño de forma sinxela, gozando e aprendendo ao mesmo tempo». No nivel básico, os participantes achegaranse ao sector vitivinícola a través de dez conceptos elementais que todo amante do viño debe coñecer. Así, nunha primeira aproximación teórica estudarán as variedades de uva, os climas, os chans, as diferentes formas de cultivar e elaborar o viño, o traballo en adega, a maridaxe ou o mercado e as novas tendencias, para ampliar a súa cultura vitivinícola e desenvolver a memoria sensorial e aplicalo posteriormente ao coñecemento práctico, a través de catas, dos viños elaborados en Galicia.
No nivel avanzado II, ao que poderán acceder os afeccionados e profesionais que cursasen o nivel básico ou teñan formación previa neste campo, os participantes estudarán, xa en profundidade, as técnicas de viticultura e enoloxía, iniciaranse na xeografía vitivinícola da península ibérica e desenvolverán as habilidades de cata, con viños das diferentes zonas de España e Portugal.
Os cursos serán impartidos polos catadores Isabel Lozano e José Martínez; Juan José Figueroa, titor e responsable técnico do Curso Superior de Catador Profesional do Instituto Galego do Viño, e por Jorge Vila, xerente do Instituto Galego do Viño e especialista en márketing e formación no sector vitivinícola. Os cursos e datas que se impartirán en Lugo serán:
Certificado en cultura do viño. Nivele básico 3,17,24 e 31 de outubro; 30 de xaneiro e 6,20 e 27 de febreiro de 2018 e 10,17 e 24 de abril e 8 de maio de 2018.
Certificado en cultura do viño. Nivel avanzado II 7,14, 21 e 28de novembro; e 6,13 e 20 de marzo e 3 de abril de 2018.