A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Mari Teijeiro esixe ao goberno local que “cumpran os prazos” para que todas as subvencións cheguen en tempo e forma á familias e así “asegurar que os cidadáns teñan acceso ás axudas cando as precisan”.
A concelleira popular fai esta denuncia despois de coñecer que na última convocatoria “só se executaron 30.500 euros dos 36.500 asignados para as axudas para material escolar”. Mari Teijeiro afirmou que “non se pode permitir que só se beneficiaran 381 familias desta subvención cando pode chegar a máis de 450”.
Teijeiro explicou que “a tardanza na publicación das bases das axudas leva consigo a demora na adxudicación das mesmas. O xusto sería que no mes de maio se publicaran as bases para que en setembro as familias xa puideran ter acceso ás subvencións e os libreiros presentaran toda a documentación no mes de outubro e así, antes de final de ano, cobraran a partida correspondente”. A concelleira popular asegurou que a tardanza na nova convocatoria de axudas para material escolar prodúcese debido a que o plan estratéxico de subvencións non se actualizou ata o mes pasado ao contrario do que afirmaban os socialistas.
O goberno local ten que asumir a súa culpa
Mari Teijeiro esixe ao equipo de goberno que “asuma a súa responsabilidade” e non bote as culpas a outras administracións. A concelleira popular refírese a unhas declaracións do voceiro do goberno local, Miguel Fernández, que xustificou a demora na publicación das bases das axudas para material escolar na demora da Xunta na publicación da listaxe de admitidos nos centros educativos. “Non pode ser que o goberno local sempre se excuse e culpe a outras administracións dos seus propios erros. Non é preciso coñecer a listaxe de admitidos para publicar as bases que rexerán as axudas. Se o goberno local fixera o seu traballo a tempo non tería que buscar ningunha excusa”, explicou Teijero.
Ademais, Mari Teijeiro pregunta ao goberno local que teñen pensado facer se o orzamento non chega para dar solución a todos os lucenses que precisen desta axuda e cumpran todos os requisitos para ter dereito a ela. No pleno correspondente ao mes de febreiro o Grupo Municipal do Partido Popular levou unha proposta, na que ademais de pedir axilidade, se solicitaba un incremento na contía adicada a estas axudas. Dita proposta quedou aprobada, a pesar do voto en contra do grupo socialista, e para este ano a contía de cada axuda será de 100€, pero o orzamento total das subvencións segue a ser de 36.500€. A concelleira popular esixe que “se o orzamento non chega para dar resposta a todos os lucenses que o precisen se faga un incremento da partida buscando alternativas para que ninguén quede sen acceder a esta subvención xa que a cidadanía non ten por que sufrir as consecuencias os erros do equipo de goberno”.