Amplíanse as visitas guiadas ao Castro de San Lourenzo

O programa de visitas guiadas inaugurouse o 1 de xullo co comezo das escavacións no Castro de San Lourenzo. A previsión inicial era mantelas ata o 15 de agosto, pero en vista do éxito e da demanda – máis de 450 visitantes en mes e medio ­–, a organización decidiu amplialas ata o día 31.

Aínda que a escavación chega á súa fin e só quedan traballos puntuais de campo, os resultados arqueolóxicos están á vista e dentro das visitas incorpóranse as hipóteses máis recentes respecto a este castro mineiro romano que foi reocupado en época medieval para constituír un importante centro relixioso.

No sector medieval están os resultados máis espectaculares, que inclúen cinco tumbas escavadas moi ben conservadas e os restos do que semella ser a antiga igrexa parroquial de Cereixa.

Horarios e formatos de visita

De martes a venres, as visitas saen ás 19:00 no punto de encontro ao carón do cartel ao pé do castro. Estas visitas fan un percorrido guiado de aproximadamente 45 minutos polo xacemento. As explicacións inclúen a historia detectada ata o momento no xacemento, da época romana e medieval, así como as relacións actuais entre a parroquia e o castro. Ademais, se aproveitan as vistas panorámicas do lugar para falar da paisaxe circundante.

En sábados e domingos ofrécese ás 11:00 e ás 19:00 un formato máis completo cun pequeno paseo para chegar ao castro. O paseo parte da Parrillada O’Fogón en Cereixa e mentres se camiña hai explicacións da historia viva da parroquia e a súa personaxe máis senlleira, María Castaña. A visita acaba no castro onde se rematan as explicacións. A duración aproximada deste paseo – ida e volta – é de dúas horas e un total de 2,5 km.

Todas as visitas son gratuítas e inclúen ao final unha mostra das pezas atopadas ata o momento, como moedas, obxectos persoais e outras pezas de cerámica e metal.

Reservas e como chegar

 Para máis información e reservas, pódese contactar a través da páxina de Facebook do proxecto (Sanlourenzo.net) ou ben no teléfono 666 435 832. Tamén se admite a posibilidade de reservas para grupos fóra do horario programado. Para chegar ao castro, hai que coller o desvío na N-120 cara a LU-652, continuar recto ata Cereixa e á altura do sinal de remate de Cereixa, coller o desvío sinalizado ao Castro de San Lourenzo. A Parrillada O’Fogón está en Cereixa na LU-652.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com