Lugonovo absterase nas votacións do Pleno que celebrará mañá

Lugonovo valora positivamente a convocatoria do pleno extraordinario que terá lugar mañá pola mañá porque “Lugo precisa urxentemente os investimentos que o Concello planea aprobar na sesión. Porén, considera que a proposta actual relativa á modificación orzamentaria e ao suplemento de crédito non responde ás necesidades específicas de Lugo e, polo tanto, o que saia do pleno será insuficiente para afrontar con garantías os desafíos da nosa cidade”.

A portavoz de Lugonovo Cristina Pérez lembrou que Lugonovo xa se abstivo anteriormente no pleno que tratou o suplemento de crédito e as modificacións orzamentarias ao entender que “as nosas propostas eran outras”. “Non nos gustou nada” destacou “a rebaixa do cupo orzamentado para emerxencia social, xa que a incapacidade de xestión do Concello no exercicio anterior, con máis dun terzo do volume total sen gastar, foi a escusa para reducir o cupo sen que as necesidades que o xustifican minguasen”.

Hai outros aspectos que non nos convencen” engadiu “coma os parkings disuasorios, que non serven se non hai un servizo de transporte público ata o centro da cidade”. “Están moi ben” continuou “se se revisan nese sentido as liñas de autobús”. Cristina Pérez resumiu a postura de Lugonovo respecto a este primeiro punto da sesión nos seguintes termos: “nós queremos que se invista na cidade, pero non nestes termos, porque a proposta actual non cubre as necesidades existentes”. E por iso que Lugonovo optará por unha abstención neste punto, consecuente coas súas críticas pero responsábel para coa cidade.

Unha ordenanza “viraventos”

No segundo punto da convocatoria, a ordenanza fiscal reguladora de taxas por aproveitamentos especiais da vía pública, Cristina Pérez adiantou tamén a abstención do grupo municipal. “Votamos así sempre e imos manter a abstención” explicou “porque pensamos que antes da ordenanza sobre a ocupación do solo público debería terse realizado a nosa proposta, a moción aprobada en outubro do 2016 para a reclasificación das rúas”. “Absterémonos” salientou “mentres non se faga a modificación do rueiro”.

Respecto ao camiño seguido por esta ordenanza, a portavoz de Lugonovo lembrou como en xullo “o PP propuxo e conseguiu aprobar que se retirase para non votar que non e condenar o proceso a recomezar dende cero”. Porén, “este venres vaise aprobar co voto afirmativo do PSOE e a abstención da maioría das outras forzas”. “Chama a atención o cambio de criterio do PP” observou “xa que durante o mes de xullo dicían absterse, cambiaron de idea o mesmo día do pleno decantándose polo non e pedindo mesmo un debate que na xunta de portavoces desestimaran, e agora volven absterse”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com