Mondoñedo impulsa #Mondotech, para poñer en valor o patrimonio da cidade

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deu a coñecer hoxe as características deste proxecto promovido polo Goberno local para  “acadar unha mellor promoción e posicionamento da cidade nas redes sociais e na Internet” e aproveitar deste xeito, engade, “as oportunidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías para dar a coñecer os nosos recursos locais”.

Esta acción súmase ás diferentes medidas emprendidas xa pola administración local para dar a coñecer Mondoñedo como destino esencial na oferta turística “e favorecer así esta comunicación de destino a través das redes sociais e dos novos medios existentes co obxecto de captar novos visitantes”. A través deste proxecto, dende o Goberno municipal tamén promoven unha clara aposta polos produtos locais que “buscamos promocionar na Internet e vendelos  a través da rede”. O proxecto obtivo unha subvención de Agader.

Obxectivos

Creación e desenvolvemento de contido dixital sobre Mondoñedo, que estará en (Google, Baidu, Yahoo e Bing). O contido estará traducido ata en cinco idiomas como son inglés, francés, español, galego e chino.

Desenvolvemento dunha estratexia de marketing dixital e redes sociais para a promoción do patrimonio histórico-cultural de Mondoñedo.

Talleres de capacitación e concienciación para acercar Internet e as oportunidades desta nova tecnoloxía cara a autopromoción e a venda en Internet de produtos típicos de Mondoñedo.

Creación dunha rede estratéxica de contacto para acercar o uso en Mondoñedo da economía colaborativa.

Crearase unha comunidade social que teña como unión os novos formatos audiovisuais para utilizar as novas tecnoloxías como minimizador da brecha xeracional, que promocione a creación de postos de traballo locais e a interacción entre veciños da cidade.

Gravación en 360º, con drons e  realidade aumentada.

Para dar cumprimento aos obxectivos expostos, o proxecto inclúe accións específicas que se realizarán co uso de novos formatos audiovisuais. Entre elas, atópase a realización de gravacións con tecnoloxía 360º en lugares sinalados e actividades típicas mindonienses, como pode ser, por exemplo, a elaboración da tarta de Mondoñedo, unha visita virtual á Catedral, rutas de sendeirismo ou visitas á cova. Tamén se desenvolverá a web www.Mondoñedo360.com, unha páxina optimizada para vídeos 360º que poderán reproducirse tanto dende o propio navegador web como en gafas de realidade virtual.

Entre estas accións específicas que inclúe este proxecto atópase tamén a elaboración de personaxes e contidos históricos en realidade aumentada, que contarán unha historia sobre a cidade e que estarán dispoñibles en (www.MondoñedoVirtualReality.com).

Ao descrito súmaselle a realización de gravacións aéreas con drons para a promoción online de Mondoñedo no mundo.

Mondoñedo en Europa e China e venda de produtos na Internet

Ao abeiro deste programa tamén se elaborará unha páxina web, www.TheMondoñedoValley.com,  de promoción de Mondoñedo en Europa e China, que estará traducida a cinco idiomas.

Na memoria de #Mondotech exponse a maiores a creación doutro portal , www.mondoñedoonline.com, para a promoción e venta de produtos típicos de Mondoñedo a través de Internet.

Formación

#Mondotech. Do local ao global no século XXI tamén inclúe un ámbito de formación co desenvolvemento de charlas e talleres de formación sobre novas tecnoloxías e redes sociais a mindonienses; así como tarefas de asesoramento e acercamento coa economía colaborativa e os seus principais actores. Tamén se creará unha Comunidade Virtual do Val de Mondoñedo (www.mondoñedocommunity.com).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com