A TIC estrea un documental sobre o Folión de Carros de Chantada

O Patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, presentou este sábado en Chantada un documental realizado pola Fundación sobre o tradicional Desfile de Carros que se vén celebrando na localidade chantadina desde a Idade Media. A presentación fíxose durante unha xornada formativa e académica sobre o Folión na que interviron antropólogos, investigadores e persoas vinculadas co evento.

O traballo audiovisual foi realizado pola Fundación TIC, froito dun convenio que asinaron o ano pasado o patrón da TIC, e o presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión, Manuel Vázquez. Neste traballo faise un completo percorrido pola historia deste festexo, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Galego.

Álvaro Santos remarcou o compromiso da TIC “coa difusión da cultura galega, que se traduce no seu apoio a todas as iniciativas que contribúen á preservación do patrimonio etnográfico e cultural na nosa provincia”. O Deputado tamén aludiu “ao  papel fundamental para a cultura galega que están a desenvolver colectivos como os Amigos do Folión, xa que grazas ao seu esforzo mantéñense vivas tradicións populares como esta histórica festa”.

 Construción e desfile

 O documental, que foi foi elaborado por un equipo de profesionais e bolseiros da TIC, recolle as distintas fases do proceso de construción dos 11 carros participantes na edición do ano pasado. Ademais, gravouse íntegro o desfile dos carros e o resto de actos do Folión, celebrados o 27 de agosto de 2016. O traballo tamén inclúe imaxes e fotografías antigas dos anos 90 pertencentes ao arquivo que ten o colectivo chantadino.

 No audiovisual reflíctese a forte raigame do Folión e a implicación dos veciños de Chantada nesta tradicional festa, así como o laborioso e creativo traballo dos carroceiros e a admiración que suscita o desfile  no numeroso público congregado nas rúas chantadinas pola fidelidade coa que recrean ano tras ano os vellos oficios e negocios ou personaxes coñecidos da historia chantadina.

 Unha festa das máis antigas de Galicia

 O Folión de Carros de Chantada, declarado de Interese Turístico Galego en 2002, é un dos festexos máis antigos de Galicia. Ten a súa orixe na Idade Media, nos tempos no que os gremios abandonaban por un día o seu tradicional illamento para desfilar pola localidade e amosar o seu traballo artesanal na sociedade da época. A cita non deixou de celebrarse a excepción dos anos nos que tivo lugar a Guerra Civil.

O festexo celébrase o último fin de semana de agosto coincidindo coas festas patronais da localidade chantadina. O sábado pola noite ten lugar o desfile de carros do país tirados por bois, e neles represéntanse varias escenas de oficios tradicionais como os muiñeiros, zoqueiros, ou carpinteiros entre outros; así como labores agrícolas de tradición nesta comarca luguesa como a vendima. Ao desfile séguelle o pregón das festas e a verbena na praza de Santa Ana.

 TIC a prol da cultura e as festas tradicionais

 A realización do documental sobre o tradicional Desfile de carros de Chantada é froito dun acordo subscrito coa Asociación Cultural Amigos do Folión que se engade aos máis de 170 convenios que a TIC mantén con ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais, e entidades deportivas para difundir o seu labor na provincia mediante a realización de traballos audiovisuais, co fin de completar a formación teórica dos alumnos con prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.

Deste xeito, este documental súmase a outros feitos pola TIC, entre os que figuran os adicados ao proceso da sementa, recollida e etiquetado da faba de Lourenzá; a vida e obra do poeta de Meira, Avelino Díaz ou a construción dun carro tradicional galego.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com